Monday 29 de April de 2024

Aprobada a concesión de subvencións nominativas ás entidades cidadás de Fene


O pleno do Concello de Fene aprobou, por unanimidade, a concesión de dezanove subvencións nominativas para a realización de actividades de utilidade pública e interese social a diferentes asociacións, por un importe total de 47.500 euros.
Dos 47.500 €, 13.300 € destínanse a actividades desenvolvidas por entidades prestadoras de servizos sociais para o funcionamento destas entidades e para a realización de actividades de interese social dirixidas a persoas desfavorecidas (ASPANEPS, Cáritas e Amigos de Galicia); 3.500 ao mantemento ou posta en funcionamento de comedores escolares (ANPAS dos CEIP de Centieiras e Os Casais e do CPI A Xunqueira de San Valentín); 15.000 € á organización de festivas musicais (Fenerock, Felipop e Xuntanza de Gaiteiros) e os 31.800 restantes a romarías (O Pote, O Camiñante, Romaría Viquinga) e outro de tipo de eventos e actividades (lavandeiras de Sillobre; ciclo do Nadal de San Valentín; Slalom de Fene; festas do poldro, da orella e da ameixa; Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé).
Coa aprobación destas subvencións nominativas non só se incrementa, a respecto do exercicio de 2015, a contía total que se dedica a estas subvencións, senón que se aumenta o número de entidades beneficiarias. Ademais, aumenta a contribución municipal ao mantemento/posta en funcionamento de comedores escolares e tamén se incrementa a cantidade que se destina a entidades prestadoras de servizos sociais.
A concesión de subvencións nominativas é un procedemento previsto na Lei Xeral de Subvencións para contribuír ao financiamento de actividades de utilidade pública ou interese social e regúlanse a través da sinatura dos correspondentes convenios de colaboración.